Alakrana, Patxi López, Feijoo e Bisbal

Que tódolos gobernos e que tódolos políticos non son iguais é unha lección que xa temos ben aprendida. Pero para que non nos esqueza, Feijoo procura dar un repaso diario do que supón dirixir un goberno ineficaz e irresponsábel.
A crise humana que supón a ameaza sobre a vida de varios tripulantes do atuneiro Alakrana fixo co goberno de Patxi López creara un gabinete de crise en Euskadi. O gabinete está presidido por el mesmo e formado polo conselleiro de Interior, a conselleira de Medio Ambiente, o secretario xeral da Presidencia e o viceconselleiro de Pesca. A súa misión, nas continuas reunións que se convocan, é analizar e contrastar toda a información dispoñíbel para decidir medidas e manter informados con rigor as familias implicadas.
E que fai Feijoo? A pesar de que a ameaza de morte pesa sobre dous mariñeiros galegos e un vasco, na Galiza non se crea un órgano semellante para facer un seguimento de primeira man dos acontecementos. E Feijoo, recordando tempos do Nunca Máis e das escapadas cinexéticas de Fraga, programa unha viaxe a Miami con David Bisbal para recoller un galardón de revista do corazón que o manterá ocupado dende venres a domingo. Lonxe, por suposto, das pistolas que intimidan aos seus compatriotas.
Cando un político aínda non está maduro para tomar decisións non merece ocupar cargos de tanta responsabilidade como a presidencia deste país. Probablemente Bisbal optaría por quedar.
Pues te has colao pringao
Pois si, recoñezo que me colei. Non é difícil cun individuo como Feijoo que goberna a impulso e hoxe mantén unha cousa e mañá pola mañá cambia de opinión. Non é so este caso, xa van uns cantos.